O executivo ribeirense negociará coa oposición un orzamento de 21 millóns

    RIBEIRA> O executivo ribeirense ten previsto iniciar esta semana as negociacións cos distintos grupos municipais de cara a aprobación do Orzamento Municipal de 2016. Segundo se recolle no documento, sobre o que xa existe un borrador de proxecto, o presupostos ascendería a preto dos vinte e un millóns de euros. Fontes municipais informaron da intención do equipo de goberno de iniciar xa esta semana as negociacións co resto de forzas políticas coa finalidade de sacar adiante o orzamento municipal para este ano 2016. As previsións que baralla o grupo de goberno é que o documento orzamentario acade unha cifra próxima ós vinte e un millóns de euros, o que suporía un incremento do 3,5% sobre o presuposto do ano pasado, no que foi de 20,26 millóns. O borrador elaborado prevé ter un intenso carácter social, primando este tipo de gastos sobre outros desembolsos. Así, as partidas correspondentes a emerxencia social, atención a persoas dependentes e violencia de xénero asumirán un papel máis importante ó verse incrementadas en máis dun 15%. No capítulo de infraestruturas hai que destacar tamén a realización de obras que favorezan a mobilidade de persoas con diversidade funcional, en sintonía co Plan Municipal de Accesibilidade Universal en cuxa elaboración está inmerso actualmente o Concello. Tamén terán un peso importante aquelas actuacións para favorecer o turismo ou que incidan na conservación e mantemento das vías e instalacións públicas. Outro dos datos que se terá en conta na elaboración do novo presuposto será o da redución da actual carga financeira das arcas municipais.