O executivo sonense busca solucións ós problemas de desabastecemento de auga

    PORTO DO SON> O alcalde considera que é unha das máximas prioridades de cara ó vindeiro ano. A pesar das chuvias caídas estes días, son moitos os concellos que seguen a padecer os problemas derivados da seca. Un exemplo témolo en Porto do Son. Neste Concello o executivo estuda a realización á máxima urxencia posible de dous proxectos de cara a mellorar o actual servizo de abastecemento, e evitar que a situación se converta en crítica para o ano que vén. As dúas solucións serían custosas e precisaríase a implicación doutras Administracións. Por unha banda traer a auga dende os depósitos que o concello veciño de Ribeira posúe en Moldes. A outra solución viría da captación de auga do río Tambre. Unha actuación esta última de carácter comarcal e que serviría ademais para mellorar o servizo noutros concellos da zona como son Noia, Lousame ou Outes. Este pasado verán o Concello viuse obrigado a ter que tomar medidas extraordinarias ante a escaseza de auga, como cortar a auga das duchas nas praias ou reducir o rego nas zonas axardinadas e os baldeos de rúas. Aínda así a situación non se limitou unica e exclusivamente ós meses de verán e mesmo houbo que abastecer de auga con camións cisterna a varias vivendas da parroquia de San Pedro de Muro. Dende o BNG criticaron a mala xestión que está a realizar o equipo de goberno desta situación e da necesidade de recuperar a auga do río Sieira, da que actualmente se aproveita o Concello de Ribeira. A voceira desta formación política, Ánxela Franco, considera que a medida podería dar solución precisamente ós veciños da parroquia de San Pedro de Muro.