A Deputación perde 10 millóns de euros por irregularidades na época de Louzán

PONTEVEDRA> 10 millóns de euros perdidos por “graves irregularidades” do anterior goberno da Deputación de Pontevedra. O deputado de Facenda, Carlos Font, explicaba hoxe que a actual corporación non recibirá 6,5 millóns dun programa que xa se empregaran por adiantado e deberá devolver 3,5 millóns doutro e pide a Rafael Louzán que deixe o seu cargo como asesor e renuncie ao seu soldo na Deputación.

 

Un 6% do presuposto anual da Deputación de Pontevedra. 10 millóns de euros é a contía de fondos europeos que perdeu a institución provincial despois de que unha auditoría atopase “graves irregularidades” do anterior goberno que presidía Rafael Louzán.

Nun dos proxectos investigados, o DepoGap, que pretendía implantar unha xestión intelixente nos servizos públicos provincial coas novas tecnoloxías, detectáronse graves defectos no procedemento de contratación e o Ministerio de facenda resolveu que só estaban xustificados 1’5 millóns dos máis de 8 que se invertiron polo que a Deputación perde máis de 6 millóns de fondos FEDER que xa gastara e que agora non será reembolsado.

O outro proxecto, Deputrans, xa foi en 2013 investigado pola Oficina Europea de Loita contra o Fraude que tamén atopou importantes irregularidades na contratación, xestión e gastos derivados da iniciativa que consistía na instalación de depuradoras. Por todo isto a Deputación ven de ser sancionada coa devolución de máis de 3 millóns e medio de euros dos fondos que recibiran no seu día polo proxecto.

Para a corporación actual esta é a acta de defunción da maneira de facer política do Partido Popular en Pontevedra e piden que Rafael Louzán deixe o seu actual cargo de asesor na institución.

Font tamén pide responsabilidades aos anteriores deputados do PP que aprobaban eses proxectos en Xunta de Goberno e esixe que o presidente provincial, Alfonso Rueda, de explicacións acerca de que medidas vai tomar ao respecto.

O deputado asegura que isto é so o principio doutras resolucións similares e asegura que será posto en coñecemento da Fiscalía por se estas actuacións derivan en responsabilidades penais.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/27/depo_auditoria_europa_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/27/depo_auditoria_europa.mp4{/flowplayer}