Un xabarín arrasa coa leira de millo dun veciño de San Andrés de Xeve

PONTEVEDRA> Un veciño de San Andrés de Xeve denuncia os danos na súa finca pola presenza dun xabarín.  O animal esnaquizou e arrasou nas últimas semanas unha gran parte da súa leira de millo. O dono da veiga xa pediu unha solución á Xunta de Galicia pero asegura que non tivo resposta.

Así quedou a finca deste veciño de San Andrés de Xeve tras a visita continuada, nas últimas tres semanas, dun xabarín. O animal arrasou con todo o millo, provocando numerosos estragos na súa leira.

O veciño asegura que esta situación leva repetíndose nos últimos 28 anos e asegura que a súa produción foi reducíndose a metade.

Joaquín Ignacio, farto de que a Xunta de Galicia non responda as súas queixas, asegura que continuará pelexando para que se lle abonen todos os danos tendo en conta o valor real do millo perdido.

Joaquín anima tamén ao resto dos veciños da parroquia a denunciar os danos, xa que asegura, que soamente, unindo as súas queixas, poderán encontrar unha solución a esta terrible situación.