A titularidade dun banco marisqueiro enfronta ás confrarías de Aguiño e Ribeira

RIBEIRA> Tensión máxima no seo da confraría de Aguiño ante o conflito aberto cos mariscadores de Ribeira pola titularidade do banco do Castro. A Consellería do Mar autorizou o libre marisqueo nesta zona que dende os anos setenta viña formando parte das concesións de Aguiño. Dende este pósito organizaron quendas de vixilancia para evitar que os profesionais doutras entidades traballen na zona. A titularidade do banco marisqueiro do Castro abriu un duro enfrontamento entre as confrarías de Ribeira e Aguiño. Ata o momento, era este último o encargado da xestión desta concesión, rica en navalla e ameixa. Sen embargo, un informe emitido pola Xunta cataloga a zona como de libre marisqueo polo que os mariscadores de Ribeira comezaron a traballar na zona. Fíxérono en xornadas anteriores posto que esta mañá os mariscadores de Aguiño realizaron quendas de vixilancia para disuadir ós produtores ribeirenses. Dende o pósito de Aguiño non entenden a decisión da Xunta á que acusan de crear un conflito onde non o había. Mesmo chegaron a contratar un informe topográfico independente para contrastar coas medicións efectuadas pola administración para establecer os deslindes das súas concesións. Polo momento, os mariscadores aguiñenses continuarán sen saír a faenar para seguir montando garda na zona do Carreiro. Non é esta a única medida de presión posto que xa teñen convocada para este venres unha concentración pacífica diante da delegación de Pesca en Ribeira.