A Xunta retoma a ampliación de Montecelo

PONTEVEDRA> A Xunta retoma a ampliación de Montecelo como solución de consenso á asistencia sanitaria na área de Pontevedra. Aínda que sen desbotar de todo Monte Carrasco, o conselleiro tenta agora por esta vía atopar unha resposta positiva por parte de instancias municipais, traballadores e usuarios. Dende o goberno local esperan que non sexa outra promesa preelectoral. 

 

Un “Gran Montecelo”, así cualificaba o conselleiro a súa proposta ao concello de Pontevedra para a área sanitaria do norte da provincia. Sen desbotar de todo a opción de Monte Carrasco dende a Xunta de Galicia optan agora por presentar un proxecto de ampliación de Montecelo no que cambian a idea orixinal pero manteñen o plantexamento de hospital único.

A razón primordial, a falta de consenso coas opcións presentadas anteriormente.

A ampliación, de cuxo proxecto orixinal se aproveitarán certos aspectos,  estenderase agora cara a parte traseira do hospital ata a estrada e cara arriba e terá unha dimensión de 90.000 metros cadrados nunha instalación de tres alturas diferentes. 

O novo edificio acollerá os servizos máis complexos como urxencias, a unidade de coidados intensivos ou a hospitalización con ingreso.

Fernández Lores celebrou este cambio de posición da Xunta dotando á cidade dun hospital único e tendeu a man ao conselleiro para volver a tratar o tema nun par de semanas para avanzar o máis posible.

O conselleiro reunirase o luns con profesionais médicos, sindicatos e comunidades de montes para presentarlles o mesmo proxecto.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/29/ponte_ampliacion_pontecelo_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/29/ponte_ampliacion_montecelo.mp4{/flowplayer}