O PSOE de Pontevedra esixe á Xunta que manteña aberta a unidade de Primaria da escola de Verducido

[

PONTEVEDRA> O PSOE de Pontevedra esíxelle á Xunta de Galicia que manteña aberta a escola unitaria de Verducido. Paloma Castro compareceu hoxe en rolda de prensa para presentar unha batería de iniciativas que serán levadas ao Parlamento galego e, ao mesmo tempo, reclamarlle a Feijóo que demostre o seu apoio ao rural.

Manter aberta esta escola unitaria de Verducido. Ese é o obxectivo do PSOE de Pontevedra. A parlamentaria Paloma Castro denunciou hoxe a situación que está a vivir a comunidade educativa deste centro ante a incerteza do que pasará neste curso escolar.

Ademais de definir como “arbitraria” a decisión da Xunta de pechar a unidade de Primaria desta escola, Paloma Castro propuxo hoxe que se utilicen estas instalacións para reducir os ratios noutros centros da cidade.

Polo de agora, as familias da escola de Verducido aínda non recibiron un comunicado oficial por parte da Xunta sobre o peche de Primaria. Polo tanto, e, a falta dunha semana para que comecen as clases, os alumnos continúan matriculados neste centro educativo.

A parlamentaria socialista non entende a actitude que está a adoptar a administración autonómica sobre o peche desta escola e pide á Consellería de Educación que “demostre o apoio ao rural do que tanto presume Feijóo”.