Rianxo en Común avoga pola paralización do proceso de regularización catastral

    2

    RIANXO> Considérano unha medida lesiva para os intereses de moitos veciños do municipio que agora deberán pagar por bens de natureza rústica ata o de agora exentos. As intencións do ministerio de Facenda de catastrar tódalas fincas existentes na zona rural e dar de alta bens e instalacións de natureza rústica, ata o de agora exentas do pago, virá, a agravar aínda máis a complicada situación económica de moitas familias. Conscientes dos problemas que isto pode xerar, dende en Rianxo en Común avogan pola súa paralización. Rianxo en Común solicitará tamén no concello que se habilite unha oficina de información catastral cun horario amplo para informar e asesorar ós veciños sobre este proceso. Entre outras cuestións piden tamén que se establezan bonificacións de ata un 95% para os bens en que se desenvolvan actividades agrícolas e gandeiras, en función do seu tamaño e realidade, ou mesmo modificar a ordenanza reguladora deste imposto para fixar o tipo de gravame máis baixo para os bens rústicos. Nos próximos días iniciarán tamén charlas informativas nas distintas parroquias sobre este proceso e resolver, na medida do posible, as súas dúbidas. A primeira delas será este venres 6 de maio, ás oito, no centro sociocultural do Araño.