Ribeira conta xa cun novo mercado encamiñado a revitalizar a economía local

    RIBEIRA> O Conselleiro de Economía e Industria inaugurou o novo mercado de Ribeira, unha moderna instalación na que a Xunta investiu ó redor de novecentos mil euros. O custo total da infraestrutura, cofinanciada con fondos europeos no programa Riveira Atlántica, ascendeu a preto de tres millóns. A nova praza de abastos de Ribeira xa é unha realidade catro anos despois de que se iniciaran as obras. Este luns abría as súas portas este moderno inmoble, que non só albergará os postos de venda senón que se destinará a usos moi variados. De momento tan só está operativa a planta baixa onde se ubican tódolos postos de alimentación. Nas próximas semanas habilitaranse no primeiro andar varios postos de venda de produtos complementarios a través dun quiosco, unha charcutería, e un ultramarinos. Nas plantas superiores, ademais de usos para a restauración, o concello buscará a creación dun centro de formación hostaleira homologado. O Conselleiro de Economía e Industria destacou a importancia do novo mercado para a dinamización da economía local e mesmo do turismo debido ó atractivo das instalacións. Conde indicou que a nova praza de Ribeira reúne tódolos requisitos para unirse á rede de mercados excelentes que pretende poñer en marcha a Xunta de Galicia a través da mellora dos servizos e equipamentos. Aínda que se trataba dunha xornada inaugural e non dun día de vendas, foron moitos os curiosos que se achegaron ata a praza para coñecer as novas instalacións. A afluencia de xente fixo que algúns mesmo se animasen xa a comprar; feito que potencia o optimismo dos praceiros. A maioría están satisfeitos coas novas instalacións; aínda que din que o espazo dos postos é máis pequeno consideran que a distribución de tódolos vendedores na mesma planta será moi positiva. Polo momento é cedo para facer valoración pero consideran que a nova praza atraerá máis clientes e contribuirá ó aumento das vendas.