O PPdeG implica a simpatizantes e afiliados no deseño da estratexia electoral

    Alberto Núñez Feijoo mantivo un encontro en Outes con simpatizantes e afiliados dos partidos xudiciais de Noia e de Corcubión. O presidente do PPdeG estivo acompañado neste acto polo seu homólogo na provincia da Coruña, Diego Calvo. A casa da cultura de Outes quedou pequena para acoller ós centos de militantes e simpatizantes que quixeron arroupar a Alberto Núñez Feijóo nun acto de partido enfocado xa en clave electoral. O encargado de presentalo foi o alcalde anfitrión, Carlos López Crespo, que lembrou o cumprimento de tódolos compromisos adquiridos polo presidente autonómico. O actual presidente da Xunta expuxo como mellor aval o traballo realizado ó longo dos últimos anos á fronte do goberno autonómico a pesar das dificultades herdadas e a convulsa conxuntura económica. Co obxectivo de revalidar o cargo, os populares traballarán a reo de aquí ata a convocatoria electoral de outono na que agardan contar novamente co apoio maioritario dos galegos. Ó remate das intervencións abriuse un coloquio no que os asistentes puideron formular dúbidas e suxestións para incorporar nas propostas electorais dos populares.