Porto do Son ofrecerá o mellor da nosa gastronomía en pequeno formato

    PORTO DO SON> Sete locais hostaleiros participan esta fin de semana no concurso de tapas ‘Son para Comelo’ que acada este ano a súa quinta edición. Torrada de aldea con xamón, queixo e ovo, crocante de langostino con mollo de marisco ou garbanzos con bacallau. De seguro xa se lles abriu o apetito con tan só escoitar estes nomes. Pois son só un aperitivo da extensa oferta de tapas que poderán atopar esta fin de semana en Porto do Son. Sete establecementos hostaleiros ofrecerán as súas especialidades totalmente de balde no marco do concurso ‘Son para comelo’. Ademais de degustar estes saborosos petiscos, os clientes entrarán no sorteo de tres vales para gastar nos distintos locais. Para participar, tan só é preciso conseguir o selo de seis tapas distintas. Na papeleta do sorteo, os clientes poderán tamén valor do un ó cinco as tapas consumidas coa fin de elixir a mellor de tódalas participantes. Non será doado xa que a calidade das materias primas e o mimo co que son elaboradas fan a todas merecedoras dun primeiro posto. Se non queren perdelas, xa saben, dende esta noite ata o domingo a mediodía teñen unha cita co mellor da nosa gastronomía en Porto do Son.