O conservatorio de Noia promove unha xornada formativa sobre instrumentos de vento madeira

NOIA> O conservatorio de Noia organiza unha xornada formativa sobre instrumentos de vento madeira. Desenvolverase o 13 de decembro no Casino, a cargo do experimentado lutier Pablo Pascual.

O Casino de Noia acollerá o sábado 13 de decembro un seminario sobre a tecnoloxía, mantemento e reparación dos instrumentos de vento madeira. A xornada, organizada polo conservatorio Felipe Paz Carvajal, vai dirixida tanto a mestres como a alumnos.

Os contidos desta xornada formativa inclúen coñecementos sobre a limpeza e mantemento dos instrumentos para poder estudar nas mellores condicións así como a súa reparación.

Aínda quedan prazas dispolibles polo que os interesados en participar poden contactar co conservatorio de Noia para realizar a inscrición. Tras esta primeira xornada, a intención da dirección do centro e a ANPA é estender este tipo de formación complementaria a outras familias de instrumentos.