A oposición de Ribeira pide responsibilidades políticas pola ilegalización da gasolineira de Xarás

RIBEIRA> A oposición de Ribeira solicita a convocatoria dun pleno extraordinario para analizar as consecuencias económicas e xurídicas da ilegalización da gasolineira de Xarás. BNG, PSOE e non adscritos piden que se depuren responsabilidades políticas ante os preto de catro millóns de euros que pode custar o procedemento ás arcas municipais.

Os voceiros do BNG, PSOE e non adscritos rexistraron un escrito no concello demandando a convocatoria dun pleno extraordinario para analizar a situación administrativa e xudicial derivada da licenza outorgada no seu día á gasolineira de Xarás. Unha sentenza firme do TSXG obrigou ó peche da instalación e ó seu derrube ó declarar nula a licenza que foi concedida cun informe desfavorable da Dirección Xeral de Montes. 

Ademais de transparencia sobre o procedemento, os grupos da oposición esixen que se depuren responsabilidades políticas contra as persoas que conformaban a xunta de goberno que autorizou a licenza.

Segundo a oposición, os custos para asumir as indemnizacións ós afectados poderían supoñer unha carga de preto de catro millóns de euros para as arcas municipais polo que piden ó concello que inicie os procedementos xudiciais para dirimir as responsabilidades xurídicas derivadas de outorgar a licenza ilegal.

Pola súa banda, a alcaldesa acusou á oposición de tentar sacar rédito político desta situación en lugar defender os intereses do concello. María Sampedro aclarou que o seu goberno velará polo ben público de tódolos ribeirenses.