A Xunta comprométese a mellorar as necesidades do Stand, a Creba e a Misela

    NOIA> Membros do executivo mantiveron en Santiago unha reunión de traballo co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, ó que lle trasladaron diversas propostas. Nunha xuntanza mantida co titular de Política Social, José Manuel Rey, o alcalde, Santiago Freire, a tenente de alcalde, Marisol Villar, e o edil, Ramón Santos, trasladáronlle varias das principias necesidades que presentan na actualidade varios dos colectivos que traballan con persoas con diversidade funcional na localidade como é o caso do Servizo de Atención a Nenos con Discapacidade, o Stand, a Misela ou a Creba. Ademais da mellora física dos seus respectivos centros de traballo, os membros do executivo noiés informáronlle ó responsable de Política Social da necesidade de reforzar e mesmo incrementar a aportación económica que se lles brinda dende a Xunta. No caso da Misela pedíronlle tamén a homologación dalgunhas das prazas que se ofertan ós usuarios, mentres que para a Creba solicitáronlle axuda para diversas actuacións no servizo de axuda no fogar. Na xuntanza analizouse tamén a posibilidade de colaborar na prestación de servizo por parte das tres garderías privadas existentes en Noia, a través do cheque infantil. Está previsto que todas estas axudas sexan concretadas máis polo miúdo en próximas datas, nunha visita que realizará ó municipio a propia Directora Xeral de Familia e Inclusión, María Amparo González.