A Xunta formaliza o contrato para a humanización da travesía de Outes

    OUTES> A actuación, cun orzamento de preto dos oitocentos euros, suporá unha importante mellora da seguridade viaria da zona. Nas próximas semanas iniciaranse as obras de mellora da travesía de Outes, na estrada AC-550, unha vez que a consellería de Infraestruturas e Vivenda asinou a adxudicación do contrato. A obra, que suporá unha importante mellora da seguridade viaria, contará cun investimento de case 800 mil euros. As obras a realizar buscan tamén adaptar as características desta vía á súa nova condición urbana, tanto en relación cos vehículos como cos peóns, xa que o volume de tráfico veuse notablemente reducido unha vez posta en circulación o tramo da variante. O obxectivo principal é reordenar a estrada pensando, sobre todo, na seguridade e comodidade dos peóns, polo que a actuación máis destacable realizarase na ponte sobre o río Tines, onde se ensancharán as beirarrúas e se embelecerá a ponte, mediante a colocación de pavimento de madeira e voadizos por ambas marxes. Aproveitarase tamén a actuación para mellorar os actuais servizos urbanos, renovando as redes de abastecemento, saneamento, pluviais, alumeado e semáforos.