Nova concentración en Rianxo para reclamar melloras na atención primaria

RIANXO> Máis dun cento de veciños de Rianxo concentrouse a última hora da tarde de onte ás portas do centro de saúde da localidade para reclamar melloras na atención primaria que se presta no centro.

Con pancartas nas que podía lerse lemas como ‘Non aos recortes no Centro de Saúde de Rianxo’ ou ‘Defendamos a sanidade pública galega’, os veciños queixábanse da situación que están a padecer debido ás esperas de máis de dúas semanas para poderen ser atendidos polo seu médico de cabeceira, ou en máis de sete días para conseguir unha cita de pediatría.

A convocatoria da mobilización partiu de Rianxo en Común e a ela sumouse tamén o Bloque Nacionalista Galego.

Durante a concentración deuse lectura a un manifesto no que se afondou nesta problemática.

Dende o Sergas informaron de que a situación pretende solucionarse nos vindeiros días, grazas ó concurso de méritos para a cobertura de vacantes de difícil cobertura en Galicia.

Está prevista a chegada de dous novos médicos ó centro, e que se incorporarán con praza fixa. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí