RIANXO> A reclamación dos veciños de Rianxo para contar no municipio co servizo de Hospitalización a Domicilio está máis preto de facerse realidade. O Parlamento aprobou unha proposta, presentada polo Grupo Socialista, para implantar esta unidade no concello barbanzán a principios do próximo ano.
A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou unha proposta presentada polo Grupo Socialista instando á Xunta de Galicia a dotar a Rianxo do servizo de hospitalización a domicilio ó longo do primeiro trimestre do próximo ano. A parlamentaria Noa Díaz recolleu as demandas formuladas por un grupo de veciños do municipio rianxeiro que levan meses reclamando unidades que presten os coidados hospitalarios nos domicilios, cando se trata de persoas dependentes, enfermos crónicos ou pacientes que precisan tratamento intravenoso con dificultades para desprazarse.
Na actualidade, o de Rianxo é un os poucos concellos da área sanitaria de Santiago-Barbanza que carece deste servizo a pesar de ser un municipio moi poboado. O Plan Galego de Hospitalización a Domicilio impulsado pola Xunta pretende estender o servizo a toda Galicia antes de 2023. Sen embargo, na iniciativa aprobada pola cámara galega solicitan que Rianxo se incorpore ó servizo durante o primeiro trimestre de 2022.
De non ser posible a implantación estable a curto prazo, os socialistas demandan que poida dispoñer de maneira transitoria das unidade volantes que inclúe a estratexia HADO, o que contribuiría a incrementar considerablemente a calidade asistencial dos pacientes que están á espera do servizo.