Goiáns volverá converterse no epicentro cultural coa VI Romaría das Letras

    BOIRO> O pazo de Goiáns acollerá o próximo martes a sexta edición da Romaría das Letras. Entre encontro cultural compartirá protagonismo coas actividades que se desenvolverán na rúa peonil para conmemorar o Día das Letras Galegas. A xornada arrancará cedo coas actividades culturais programadas polo concello. A partir das once da mañá desenvolveranse na rúa peonil diversos obradoiros, un concerto didáctico e un recital de poesía de Manuel María. O auténtico epicentro cultural da xornada situarase no Pazo de Goián onde se desenvolverá a sexta romaría das letras. Este encontro popular, máis alá de homenaxear a figura de Manuel María, pretende converterse nun factor de dinamización da cultura, o patrimonio e, sobre todo a lingua galega. Haberá visitas guiadas polo pazo, lecturas dramatizadas, concertos e todo tipo de actividades para o diverso público que se dea cita nesta romaría. Dende o concello animaron á cidadanía a sumarse a esta festa na que a alternativa de ocio e cultura é tan ampla que, de seguro, non deixará indiferente a ninguén.