NOIA> A través dunha proposta plenaria que será levada para o seu debate ó vindeiro pleno, o BNG solicita a realización dunha auditoría externa das arcas municipais.
Segundo indicou o voceiro da formación nacionalista, Ricardo Suárez, o que se busca con esta solicitude é realizar unha análise exhaustiva da situación global do Concello, analizando as operacións e procedementos de xestión levados a cabo polo actual goberno municipal, e se estes se desenvolveron conforme á legalidade vixente.
Dende o BNG apuntan a que este documento, poderá servir tamén para corrixir as eivas que puidera haber, co fin de acadar tamén unha maior eficiencia na xestión municipal.
Tamén aluden a que a proposta, para que non teña repercusións sobre as xa mermadas arcas municipais, se realice pedindo a colaboración dos órganos de control financeiro doutras Administracións, como é o caso da Deputación da Coruña para as labores relativas á xestión económico-financeira do Concello.











