Outes rende homenaxe ó seu ilustre poeta, Francisco Añón

    OUTES> O concello de Outes aproveitou a celebración do Día das Letras Galegas para render homenaxe ó seu poeta máis ilustre. Co gallo do cincuenta aniversario da construción do busto do escritor, numerosos veciños concentráronse ante a escultura para participar na ofrenda floral realizada polo alcalde e o presidente de Terra de Outes. Nas súas intervencións lembraron a fonda contribución de Añón á cultura galega. Entre os asistentes destacou a presenza dun convidado especial que hai medio século participou tamén na homenaxe a Añón no ano que se lle dedicaron as Letras Galegas. Trátase do escultor outense Andrés Barbazán, autor do busto que hoxe lembra a ilustre figura literarioa. O acto rematou coa lectura dun poema do escritor e unha actuación de baile tradicional.