A confraría da Pobra aposta por centralizar as vendas na lonxa de Ribeira

    POBRA> A confraría da Pobra aposta por centralizar as vendas para lograr unha maior rendibilidade. Na actualidade, xa están a subhastar os seus produtos no lonxa de Ribeira, con moi bos resultados. O futuro do marisqueo pasa, segundo a confraría da Pobra, por mellorar a comercialización a través da centralización das vendas nunha soa lonxa. Con este obxectivo comezaron a vender as súas capturas na rula ribeirense acadando prezos moito maiores dos que viñan obtendo ata o momento. Máis aló da mellora da comercialización, que consideran fundamental, o pósito pobrense leva tempo reclamando actuacións para a rexeneración dos bancos. Os malos resultados das últimas campañas de libre marisqueo, din, son froito da falla de dragados e movemento nos bancos que acaba por lastrar a produción. Insisten ademais na necesidade de adoptar medidas para garantir a calidade das augas a través da depuración e o control de vertidos.