Ribeira punto de partida da primeira viaxe de ‘Cruceiros Costeiros’

    RIBEIRA> O acto inaugural contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana. O porto deportivo de Ribeira foi o punto de saída da primeira viaxe do cruceiro do itinerario coñecido como Illas Atlánticas e vilas mariñeiras, enmarcado na oferta turística de Cruceiros Costeiros de Galicia. Nesta primeira viaxe, o barco tivo como pasaxeiros de excepción a representantes de colectivos, organizacións e empresas relacionadas co turismo e tamén a diferentes autoridades, entre elas a conselleria do Mar, Rosa Quintana. Nun acto previo, que tiña lugar nas instalacións do Club Náutico a titular do Mar destacou a importancia desta iniciativa que servirá para aproveitar de xeito sostible os recursos naturais e culturais cos que conta a nosa comunidade Tanto o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, coma o representante da Asociación Galega de Actividades Nauticas, Jose Manuel Fernández, que promove esta iniciativa, resaltaron na súa intervención o amplo potencial e a tradición turística da ría de Arousa. Estes paquetes turísticos, que xa están a disposición das axencias de viaxe, inclúen varios itinerarios. O denominado Illas Atlánticas e vilas mariñeiras terá tres opcións a elexir. Unha de dous días, outra dun día e un paquete completo de seis días que incluiría as rías de Pontevedra, Arousa e Vigo, con aloxamentos e comidas e ceas con produtos de Denominacións de Orixe e visitas a vilas como Bueu, Boiro, Combarro ou Ribeira, entre outras. O outro itinerario que se enmarca nesta oferta é Tesouros das rías de Galicia, que dura tres días e ofrece opción de viaxe en barco pasando a noite en hotel e navegación en vela nun iate ou veleiro. Os interesados poderán obter máis información na páxina web http://www.nauticdestination.com.