Iniciadas as obras de remodelación da alameda noiesa

NOIA> O executivo noiés iniciaba hai uns días as obras de remodelación da alameda. Trátase dunha obra que xa deixou tramitada o anterior goberno municipal. Os traballos teñen coma principal finalidade a substitución do vello pavimento, cheo de gretas e fendas, por outro novo enlousado. A actuación conta cun investimento próximo ós 290 mil euros que irán con cargo o Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña. A intervención levará aparellada tamén o acondicionamento dos xardíns de Felipe de Castro, onde, ademais da mellora da zona axardinada, se instalará novo alumeado e mobiliario urbano.