RIBEIRA> Os feirantes comezaban esta mañá a instalar as súas atraccións no recheo portuario de Ribeira. Facíano aínda á espera dun novo permiso que reducira o paso de seguridade ata os dous metros e medio.
O aspecto que presenta o recheo portuario de Ribeira, practicamente baleiro, non é o habitual na véspera do comezo das festas de verán. Os problemas para conseguir a autorización de Portos, sumados á enésima polémica xurdida esta semana retrasaron a instalación das atraccións ata última hora.
Algúns dos feirantes rexeitaban a reorganización dos postos que supoñía a obriga de deixar un paso de seguridade para garantir a actividade portuaria, cuestión que tentou amañar o tenente alcalde Vicente Mariño tras unha conversa informal coa Conselleira do Mar. Algo que non sentou nada ben ó concelleiro de Festexos, quen ostenta ás competencias e asumiu ata o de agora as negociacións con Portos.
A este respecto, o edil de Festexos quixo poñer en valor o traballo dos técnicos municipais que conseguiron sacar adiante un plan para montar as atraccións nunha superficie de 17 mil metros cadrados, moi superior á autorizada inicialmente por Portos de Galicia.
Á espera de que Portos responda á solicitude de reducir o paso de seguridade, os feirantes seguen coa montaxe segundo o plan de seguridade inicial posto que dispoñen de poucas horas antes do inicio dunhas celebracións, este ano, marcadas pola polémica.










