O BNG da Pobra bota en falla investimentos transformadores nos orzamentos

    POBRA> A tan só dous días do debate dos orzamentos en pleno, o BNG da Pobra xa amosou a súa decepción co proxecto presentado polo goberno municipal. Botan en falla os investimentos necesarios para a execución dos acordos plenarios e das demandas veciñais. As tres xuntanzas convocadas polo goberno da Pobra para elaborar os orzamentos non deron ningún froito. Segundo o BNG, o executivo non tivo en conta ningunha das propostas presentadas polo seu grupo que incidían na necesidade de incluír proxectos transformadores a longo prazo. Lonxe disto, acusan ó actual goberno de levar a pleno uns orzamentos continuístas e decepcionantes que nada teñen que ver coa vontade de cambio amosada pola cidadanía. Adoecen ademais, din os nacionalistas, da falla de investimentos derivada da escasa capacidade de interlocución con outras administracións . Así, agás os plans anuais da Deputación, apenas se inclúen investimentos relevantes procedentes doutras institucións. Aínda que decidiron non desvelar o sentido do seu voto que non se fará público ata o pleno do xoves, queda claro o total desacordo dos nacionalistas con este proxecto orzamentario que non recolle aqueles acordos aprobados por toda a corporación como a necesidade dunha escola infantil ou un plan de promoción de emprego, entre outras.