Estrear o casilleiro de victorias, o obxectivo de todos

futbol250_050908.jpgSALNÉS > Achégase a segunda xornada ligueira do curso. Os equipos do Salnés buscarán a primeira victoria da temporada todos eles ante rivais moi complicados. A priori quen o pode ter máis sinxelo é o Arousa, que recibe na Lomba ó Somozas.

Despois dunha mala primeira xornada, cun balance de tres empates e unha derrota, os equipos do Salnés buscarán comezar a sumar de tres en tres.

Pódeo facer o Arousa na Lomba, o domingo ás 17:30 co Somozas. É un equipo recén ascendido e que pode pecar de falta de experiencia neste primeiro tramo ligueiro. O medo para os vilagarciáns pode estar en atoparse un rival que veña a pecharse e que dificulte o seu xogo combinativo. Chiño e Santos son baixa segura.

O resto de conxuntos do Salnés terán tres complicados tests. O Portonovo visita a un candidato a estar nos postos altos da táboa como é o Coruxo. Un campo complicado para que os de Milucho intenten traerse os tres puntos. Será o encontro que peche a xornada o domingo ás 19:00.

Antes ás 18:00, xogará o Céltiga no campo de Aldán ante o Alondras, equipo no que militan dous vellos coñecidos como Tavi e Edgar, que pasaron a formar parte do conxunto cangués este ano. Rival ó que lle gusta xogar ó futbol e que intentará facer dano á defensa que plantexe un Josiño Abalde que non poderá contar con tres dos seus centrais: Cardeñosa e Costas por lesión e Víctor Campos por asuntos burocráticos.

O Vilalonga tamén recibe un rival complicado en San Pedro, o Cerceda, que maravillou na primeira xornada cun xogo sen fisuras ante o Lalín. Os de Gabi Leis terán por tanto unha boa oportunidade para reivindicarse e para darlle máis valor ó empate acadado a semana pasada ante o Narón.

Destacar tamén os encontros de Preferente Autonómica: Tomiño – Sanxenxo e Unión do Grove – Porriño, ás 18:00, mentres que o Ribadumia – Salvaterra dará comeza na Senra ás 18:30.

Redacción Salnés