O concello da Pobra estuda asumir a xestión directa da piscina municipal

    POBRA> O goberno da Pobra estuda novas fórmulas de xestión da piscina municipal, a piques de rematar o contrato coa actual concesionaria. Aínda que a data de vencemento é o 30 de xuño, o concello executará unha cláusula para prorrogar a concesión ata fin de ano, mentres concreta o novo modelo de xestión do servizo. Ó tempo que se garante o servizo para tódolos usuarios ata fin de ano, o executivo está a traballar xa na nova xestión da piscina municipal. Ademais da posibilidade de xestión directa, non descartan a prestación de servizos a través dunha empresa ou a concesión, tal e como viña funcionando ata o momento. Co fin de reducir os principais gastos xerados desta instalación municipal, o concello aposta pola instalación dunha caldeira de biomasa en substitución do depósito de gasoil que quedaría para uso auxiliar. O exeuctivo busca financiamento para esta actuación a través das axudas do INEGA e mediante un convenio plantexado á Consellería de Educación posto que a caldeira tamén daría servizo ó colexio Salustiano Rey Eiras. A redución de consumo enerxético con este tipo de instalacións é moi notable, podendo acadar durante o primeiro ano de funcionamento un aforro de ata trinta mil euros.