‘Los Manolos’ e ‘Azúcar Moreno’ actuarán na Feira de Noia

    NOIA> Los Manolos e Azúcar Moreno compoñen o cartel da cuarta edición da ‘Feira’ que se celebrará entre o tres e o cinco de xuño en Noia. Este ano incrementouse a participación dos hostaleiros que montarán a súa caseta na zona de Labarta. A colaboración entre o concello e o sector hostaleiro de Noia permitiu consolidar esta feira de temática flamenca que comezaba timidamente hai catro anos. As primeiras edicións celebráronse en abril coincidindo co mes da Feira de Sevilla pero o concello acabou por aproximala máis ó verán para garantir o bo tempo e animar á afluencia de visitantes nun mes bastante parado para o sector. Nesta cuarta edición, os pratos fortes do cartel serán Azúcar Moreno e Los Manolos, que actuarán venres e sábado respectivamente. Durante toda a feira haberá tamén actuacións musicais nas distintas casetas que se instalarán na zona de Labarta, posto que a alameda está pechada por obras. Este ano experimentouse un incremento da participación de hostaleiros, cun total de catorce empresarios. Agardan, dende a organización, que tamén medre a afluencia de visitantes á feira.