A Xunta aumenta o número de prazas nos seus campamentos de verán

    PORTO DO SON> A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destaca que o Goberno Galego destinará a este fin durante a campaña de verán uns 2’4 millóns de euros. Dos dezasete campamentos xuvenís cos que conta a Xunta de Galicia en toda a comunidade, dous deles están situados na comarca do Barbanza: un en Espiñeira, en Boiro, e outro xunto á praia da Aguieira en Porto do Son. Neles ofértanse ó longo do verán un total de 1.220 prazas. En concreto, 500 en Boiro e 720 en Porto don Son. Durante a visita realizada a este último, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que Galicia é hoxe en día un referente neste eido a nivel estatal, tanto polo número de prazas que se ofertan, como pola calidade das actividades. Segundo ela estes campamentos de verán, ademais de facilitar a conciliación familiar e promover actividades de tempo libre, favorecen o fomento do emprego, coa creación de máis de 900 prazas de monitores e directores. O campamento Virxe de Loreto é unha das instalacións galegas que está a acoller nestes momentos varias quendas do programa ‘Implíca-t’, para mozos de entre 14 e 17 anos, no que se combinan actividades de ocio e tempo libre, con outras participativas e de carácter social que fomentan a acción voluntaria. En total, a Xunta está a investir 2,4 millóns de euros para desenvolver a Campaña de Verán en toda Galicia, preto dun cinco por cento máis que o ano pasado. Con este orzamento, fináncianse 8.530 prazas divididas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo.