Detidas dúas persoas en Rianxo por un presunto delito de tráfico de drogas

RIANXO> A Garda Civil detivo a dúas persoas en Rianxo coma presuntas autoras dun delito de tráfico de drogas. Foi no marco da denominada operación Finoca.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado a investigación iniciouse en decembro pasado a raíz das queixas de varios veciños sobre a existencia dun piso en pleno centro da vila con actividade sospeitosa relacionada co tráfico e o consumo de substancias estupefacientes.

Tras a correspondente autorización xudicial, efectuouse un rexistro no domicilio, que deu como resultado a incautación de 473 doses de cocaína e preto de oito mil euros en metálico, así como varios teléfonos móbiles, balanzas de precisión e outros obxectos empregados de forma habitual na manipulación das drogas.

Segundo puideron constatar os propios axentes na ‘narcovivenda’ residía unha familia composta por catro adultos e un neno pequeno.

Os dous prendidos xa foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Padrón.

Dende a Garda Civil destacaron tamén a importancia da colaboración e a información facilitada polos veciños, vital á hora de poder facer fronte a este tipo de actividades delitivas.