O CD Boiro xa é equipo de 2ªB

BOIRO> Os boirenses conseguen o ascenso de categoría, a pesar de caer pola mínima co Caudal, facendo boa a renda de dous goles do partido de ida en Barraña. Tempada histórica do Club Deportivo Boiro que por primeira vez na súa historia xogará na 2ªB o ano que vén, na categoría de bronce do fútbol nacional. O conxunto boirense fixo boa a renda de dous goles conseguida no partido de ida en Barraña e acadou o ansiado ascenso. Fíxoo ademais sufrindo porque o Caudal de Mieres foi moi superior ó longo dos noventa minutos, o que acrecenta aínda máis o éxito dos de José Luís Lemos. Os locais adiantábanse xa ó inicio do encontro por mediación de Iván Fernández. A partir de aí un asedio case constante á área boirense, na que volveu a destacar por riba de todos o seu gardamallas, Kike Reguero, salvador de novo no partido de onte. O ascenso do Boiro provoca ademais a salvación do Bergantiños, que manterá a súa praza na Terceira, e tamén do Estudiantil, na Preferente Norte, que descenderan das súas respectivas ligas a consecuencias dos arrastres. Barraña vibrará o ano que vén ante rivais de nome como é o caso do Racing de Ferrol, o Pontevedra, a Cultural Leonesa, o Burgos ou o Logroñés, entre outros.