Xornada aciaga para Viajes Interrías e Grupo Junquera

VILAGARCÍA> O Viajes Interrías saíu derrotado da súa visita ó Lobelle B, mentres que o Grupo Junquera caeu no seu debut ligueiro en Fontecarmoa fronte ó Bueu.

Non puido co Lobelle B un Viajes Interrías que segue sen coñecer a victoria neste inicio ligueiro. E iso que os de Ramiro López volveron a amosar un gran xogo ante un conxunto xoven e de gran calidade como o compostelán. Desta volta foron os minutos finais os que condenaron ós portonoveses. O encontro mantívose durante 30 minutos nunha tónica de igualdade e de alternancia no marcador. Manolito puxo a 12 minutos para o final o 3-4 no electrónico; antes marcaran Marsillas, Álex e Lito. Pero o Lobelle reaccionou e con tres goles consecutivos deixou os puntos na casa.

O Interrías é cuarto pola cola e a vindeira xornada recibirá en Baltar ó Avilés, que de momento suma unha victoria e unha derrota.

Na Primeira Nacional B o Grupo Junquera non puido empezar con bo pé a súa andaina pola liga. Os vilagarciáns caeron en Fontecarmoa ante o Bueu por 4-5 nun partido que dominaron ata os compases finais. Pese a que os visitantes principiaron mellor, o Junquera foi revertindo a situación pouco a pouco para irse ó descanso 2-1 arriba no marcador, ambos tantos acadados por Jaime.

Na reanudación o Bueu foi quen de igualar o resultado, pero Juancar e Fran colocaban pouco despois o 4-2 que semellaba renta suficiente para o cadro local. Sen embargo, os visitantes entraron máis frescos fisicamente no tramo final do encontro e iso facilitoulles as cousas, primeiro para empatar e logo para levarse a victoria cun gol no derradeiro minuto.

A vindeira semana o Grupo Junquera visitará ó Mosteiro Bembibre, líder tras gañar na primeira xornada ó Viveiro por 1-7.

Redacción Salnés