AMBAR promove un plan de emprego inclusivo pioneiro en toda España

    RIBEIRA> A Asociación AMBAR aposta polo emprego inclusivo a través do proxecto iWork. Esta iniciativa pioneira foi presentada esta mañá en Ribeira ante numerosos empresarios da comarca. Participou no acto o Conselleiro de Economía e Emprego, Francisco Conde.

    A inserción real das persoas con diversidade funcional no mercado laboral é un dos principais obxectivos que persegue AMBAR a través do programa iWork. Esta iniciativa pretende implicar ó tecido empresarial da comarca favorecendo a accesibilidade das empresas á hora de contratar persoas con discapacidade, ben mediante a adaptación dos postos de traballo ou o deseño de procesos de selección máis inclusivos.

    Desenvolverase en tres fases: a primeira consistente en xornadas divulgativas, a segundo nun obradoiro específico para o persoal da área de contratación ou recursos humanos das empresas. A última fase será específica con visitas ás empresas e asesoramento personalizado en cada caso.

    O proxecto conta co financiamento da Consellería de Economía e Emprego que persegue precisamente a promoción dunha cultura de emprego inclusivo en Galicia. 

    A iniciativa conta ademais coa colaboración das Fundacións Repsol e La Caixa que permitirán ás empresas participantes contar cun ano de asesoramento gratuíto.