Un cento de actividades conforman o Xuño da Cultura de Ribeira

    RIBEIRA> A quinta edición do Xuño da Cultura e das Artes dinamizará Ribeira ó longo de todo o mes con máis dun cento de actividades. Entre as máis destacadas figuran os concertos de Ribeira en Marcha, a segunda feira do libro ou o obradoiro de Artes plásticas sobre o Quixote. A implicación de medio cento de asociacións e entidades en colaboración con dezasete departamentos municipais fai posible organizar este amplísimo programa no que se desenvolve, alomenos, unha actividade ó día durante todo o mes de xuño. Este mércores arrancará a oferta coas visitas guiadas no parque de San Roque e no Castro da Cidade así como a clausura dos obradoiros de dinamización da terceira idade. A partir de entón combinarase a diario a cultura de pequeno e mediano formato con grandes eventos. Sen restar importancia a ningunha das actividades, a concelleira de cultura destacou algunhas das máis representativas.