A campaña marisqueira de Noia arranca o día 18 con boas expectativas

    NOIA> Os mariscadores noieses volverán ó traballo o día 18 deste mes. Así o acordou o cabildo tras comprobar o bo estado dos bancos e a alta demanda por parte dos compradores. Aínda que barallaban dúas fechas: o catro e o 18 de setembro, finalmente a confraría de Noia decantouse pola última para abrir a campaña marisqueira. Á espera de retomar a actividade, dende o pósito seguen a traballar na retirada de algas, máis de mil quilos diarios, e na posta a punto das concesións. O próximo domingo día dez terán a asemblea cos mariscadores e a vindeira semana realizarán a toma das últimas mostras antes de volver ó mar. Aínda que as perspectivas son boas, os anos de experiencia fan que o patrón maior sexa cauto á hora de vaticinar os resultados da campaña. Cruzan os dedos ante certos factores naturais, como as riadas ou a toxina, que poderían afectar moi negativamente á actividade extractiva.