BOIRO > O sector empresarial da construcción de Boiro amosou o seu apoio ó Plan Parcial de Barraña nunha reunión celebrada onte na sede da Asociación Boirense de Empresarios. Os representantes do concello expuxeron o proxecto e aclararon as númerosas dúbidas dos constructores que amosaron un grande interese por levar a cabo o plan parcial.
Preto de trinta constructores, o que supón a maior parte do tecido empresarial da construcción de Boiro, asistiron á presentación do Plan Parcial de Barraña aprobado polo goberno local. Varios representantes municipais e os técnicos de ICEASA, a empresa encargada da redacción do proxecto, expuxeron as principais liñas deste proxecto.
Os asistentes realizaron unha valoración moi positiva e amosaron o seu interese por levar a cabo eles mesmos o seu desenvolvemento. Neste sentido, o concello comprometeuse a proporcionar tódalas facilidades que estean na súa man ó respecto posto que a intención do executivo é que a edificación sexa promovida por empresas do concello.
No transcurso da reunión, os empresarios puideron resolver tódalas súas dúbidas como as relativas ó prezo de metro cadrado en edificabilidade, establecido en sesenta e oito euros ou a edificabilidade do ámbito, neste caso, do cen por cen.
O presidente da ABE, Joaquín Vilas, amosouse moi satisfeito coa presentación deste plan asegurando que permitirá a creación dunha zona ideal para vivir. Así mesmo, agradeceu ó concello a colaboración co sector, informando puntualmente do seu traballo e contando coa opinión de tódolos sectores implicados no plan.
O respaldo do sector da construcción vén ratificar a idoneidade deste proxecto fornte ás críticas da oposición que o cualificaban de “aberración urbanística”. Neste sentido, Xoán León considera que o PP estase a equivocar cos seus continuos ataques ó goberno posto que en lugar de crear alternativas posibles dedícase unicamente a crear alarmismo social entre a cidadanía de Boiro.
Redacción Barbanza