Boiro Novo solicita a devolución do cobrado de máis nos recibos do IBI dos Plans Parciais

    BOIRO> Dende a formación apuntan a que o executivo ten a obriga de considerar a efectos tributarios os terreos urbanizables coma rústicos ó non dispor dos servizos básicos oportunos, algo que non estaba acontecendo. Propietarios de parcelas incluídas nos Plans Parciais de Cabo de Cruz, Barraña, Río Breiro e Corrillo, poderán beneficiarse desta nova aplicación pola que se regula á baixa a efectos tributarios aqueles terreos urbanizables que non dispoñan dos servizos básicos, como é o caso da auga, o saneamento ou a rede eléctrica, que pasarán a ter a consideración de rústicos. Dende Boiro Novo instan ó concello a devolverlle a estes veciños o indebidamente cobrado nos recibos do IBI. É máis, segundo eles a aplicación desta normativa xa foi acordada en pleno no ano 2014, pero por algunha razón a día de hoxe segue sen realizarse. Co fin de informar ós veciños afectados desta situación, Boiro Novo levará a cabo varias sesións informativas. A primeira delas terá lugar xa este próximo martes no centro social de Cabo de Cruz.