BOIRO> A Garda Civil investiga o asalto a unha vivenda na parroquia de Abanqueiro. Catro encapuchados maniataron e amordazaron a dúas mulleres que se atopaban no interior. Levaron consigo xoias e diñeiro en metálico.
Os feitos sucederon preto da medianoite do pasado xoves cando catro encapuchados accederon ó interior desta vivenda, situada na praza das Laxes en Abanqueiro. Unha vez no interior ameazaron a amordazaron a dúas mulleres: a propietaria da vivenda, duns setenta e seis anos, e unha coidadora.
Os asaltantes permaneceron máis de tres horas no interior do domicilio rexistrando cada recuncho na busca de obxectos de valor. Para coaccionar á propietaria co fin de que lles indicase onde gardaban os cartos chegaron a dicirlle que tiñan secuestrado ó seu fillo, propietario da empresa química Río Blanco, con sede no polígono de Espiñeira. Finalmente conseguiron levar numerosas xoias e unha importante cantidade de diñeiro en metálico.
Cando abandonaron a vivenda, Carmen, a propietaria, conseguiu soltarse e pedir axuda a unha veciña. Tras alertar ás forzas de seguridade, a Garda Civil desprazouse ata o domicilio para iniciar a investigación e tamén ata as instalacións da empresa onde constataron a falsidade o presunto secuestro do empresario
Semella que os ladróns non actuaron a cegas e que vixilaban á familia Fernández Piñeiro dende hai tempo. Hai algo máis dun mes asaltaron esta outra vivenda, situada a escasos metros e propiedade do empresario.
Daquela, tan só se atopaba no interior un fillo menor de idade. Os asaltantes procederon tamén a atalo mentres rexistraban a vivenda. Sen embargo, o mozo conseguiu escapar e pedir axuda. Para cando chegou a Garda Civil, os ladróns xa abandonaran o lugar sen apenas levar nada de valor.
Ata o momento non se produciron detencións pero a investigación, en mans da Policía Xudicial, continúa aberta.