Crecemento económico, social e infraestruturas sustentan o orzamento da Pobra para 2024

A POBRA> O concello da Pobra levará este xoves a pleno a aprobación do orzamento para o presente exercicio. As contas que ascenden a máis de nove millóns de euros contemplan o incremento en tódalas concellerías.

A Pobra será o primeiro concello do Barbanza en aprobar os orzamentos deste ano. O bo entendemento entre os catro grupos que conforman o goberno fixo posible a elaboración unha proposta consensuada que levarán a pleno o próximo xoves.

Os tres piares que sustentan o documento son o crecemento económico, social e o infraestruturas.

Destaca o incremento nas partidas destinadas a mantemento en tódalas concellerías coa creación de novos departamentos como o de Patrimonio, o importante pulo á concellería de Promoción Económica e o reforzo das políticas sociais.

Medran tamén as partidas destinadas a servizos como a contratación de máis socorristas, auxiliares de policía e monitorado de conciliación así como as axudas a diversas entidades sociais.