O conflito do Carreiro reabre o debate sobre o reparto do libre marisqueo

    RIBEIRA> Ribeira e Aguiño continúan a negociar para delimitar a titularidade da franxa do Carreiro. Mentres non se chegue a un acordo, decidiron non traballar na zona a pesar de que xa remitiu a toxina. Este conflito vén de poñer sobre a mesa a vella demanda do reparto do libre marisqueo. Trala xuntanza mantida polos patróns maiores e a Conselleira do Mar a pasada semana, as confrarías de Ribeira e Aguiño achegaron posturas sobre a extración de navalla na zona comprendida entre o Castro e o Carreiro. A pesar de que non chegaron a acordo sobre a súa titularidade, ámbalas confrarías pactaron non traballar na zona ata que non se resolva o conflito. A polémica xurdida en relación ós límites da zona de libre marisqueo volveu reabrir o debate sobre o reparto destes bancos, tal e como veñen solicitando dende hai tempo varias confrarías arousáns. Así as cousas, a directiva da confraría de Aguiño está á espera de tomar unha decisión sobre a manifestación convocada para este venres en San Caetano. Malia que se formulou a solicitude, o pósito agarda non ter que mobilizarse ante o principio de acordo que podería derivar na fin do conflito.