Noia contará con dous novos parques infantís en Boa e Pontenafonso

NOIA> O concello de Noia destinará trescentos cincuenta mil euros á creación e mantemento de parques infantís no municipio. Está prevista a instalación de dous novos recintos de xogos en Boa e Pontenafonso así como a instalación dunha cuberta no parque de Labarta. Ás diversas actuacións de mantemento que se teñen acometido nos parques infantís de Noia nos últimos meses súmase agora a construción de dous novos espazos para o lecer dos cativos nos núcleos de Pontenafonso e Boa que carecían deste tipo de instalacións. Estes dous proxectos, xa definidos e orzamentados cunha contía total de setenta mil euros, engádese a mellora do parque xa existente en San Lázaro coa incorporación de novos elementos biosaudables e de multiaventura. Outros parques do municipio, como os da Barquiña ou o do paseo marítimo serán tamén obxecto de mellora con diversas actuacións de mantemento que permitan ademais minimizar o impacto dos actos vandálicos. Tamén existe o compromiso do executivo de dotar dunha cuberta ó parque de Labarta, proxecto que aínda está en fase de estudo posto que se barallan diversas alternativas e que contará cun orzamento aproximado de oitenta mil euros. Unha vez executado, non se descarta a proposta de novos parques cubertos no municipio.