RIBEIRA> A Policía Nacional investiga a aparición dun cadáver no porto de Ribeira. O corpo foi achado esta mañá amarrado cunha cadea a unha escaleira de baixada. Polo momento, non se descarta ningunha hipótese.
A primeira hora da mañá saltaban as alarmas. Un ribeirense que adoita pernoctar nunha embarcación amarrada no porto avistaba un cadáver parcialmente somerxido. Tras dar aviso ós servizos de emerxencia, ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Policía Local, Garda Civil así como os bombeiros e Salvamento Marítimo que participaron na recuperación do corpo. Este era o intre en que o sacaban da auga tras cortar cunha cizalla a cadea coa que estaba amarrado a unha escaleira.
O falecido, Amador Orellán duns corenta anos de idade, era natural de Ribeira aínda que levaba tempo residindo no municipio veciño do Porto do Son. A Policía Nacional mantén aberta a investigación para esclarecer as estrañas circunstancias en que se produciu a morte.
Ata o momento, non se descarta ningunha hipótese aínda que os máis achegados cren que puido tratarse dun suicido posto que non era a primeira vez que tentaba acabar coa súa vida. Aínda así, haberá que agardan ás conclusións da investigación para confirmar este extremo ou se, pola contra, se tratou dunha morte violenta ou un posible axuste de contas.











