Prisión sen fianza para o adegueiro vilanovés detido na Operación Bodeguilla

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/02/disposicion_xudicial_adegueiro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/02/disposicion_xudicial_adegueiro.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> Prisión provisional comunicada e sen fianza para os dous detidos na provincia de Pontevedra no marco da Operación Bodeguilla contra o narcotráfico. Un deles é Luciano Núñez, un adegueiro vilanovés coñecido como Chano con antecedentes por condenas por tráfico de drogas, entre elas na Operación Nécora.

O histórico narcotraficante vilanovés Luciano Núñez volveu pasar esta mañá polos xulgados de Vilagarcía. Tras prestar declaración, a xuíza decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para el e para o outro detido no marco da Operación Bodeguilla contra o narcotráfico.

Núñez, máis coñecido como Chano, está relacionado co clan dos Charlines, e xa fora condenado na Operación Nécora. Actualmente é propietario dunha adega en Vilanova, e no 2012 estivera de novo de actualidade tras sufrir varias agresións durante un asalto á súa vivenda.

Tamén prestou declaración ante a xuíza vilagarciá un empresario e veciño vigués.

O operativo foi desenvolvido polas unidades Edoa, da Garda Civil, e Greco-Galicia, da Policía Nacional, e rematou con nove detencións; sete deles en distintos puntos de España. As pesquisas relaciónanos cun alixo de preto de media tonelada de cocaína que fora localizado nun colector no porto de Alxeciras, a comezos do mes de maio.

Ademais, os axentes realizaron ao redor dunha quincena de rexistros en Pontevedra e en Andalucía. 

A operación está baixo secreto de sumario, e polo de momento continúa aberta, polo que non se descartan máis detencións.