O concello da Pobra convoca a segunda edición do certame de literatura infantil Carlos Mosteiro

POBRA> O prazo de presentación dos traballos remata o 1 de xuño.

Tralo éxito da primeira edición o concello da Pobra volve a convocar, en colaboración coa Asociación Cultural Barbantia e a editorial Galaxia, o certame literario Carlos Mosteiro. Os interesados en presentar os seus traballos xa poden facelo tanto no rexistro xeral do Concello como na sede electrónica. As obras, dirixidas a nenos de idades comprendidas entre os tres e os doce anos, poderán presentarse tanto en papel como en formato dixital, preferiblemente en cd.

Todos os autores que se presenten ao certame optarán a un premio económico de 1.500 euros así como a publicación da obra gañadora na colección ‘Árbore’ da editorial Galaxia. O Concello distribuirá ademais cincocentos exemplares entre os centros escolares e outras entidades do municipio. O fallo darase a coñecer o 3 de xullo pero a entrega de premios non terá lugar ata o 8 de novembro.