Patrimonio e natureza conforman a proposta de Turismo da Pobra para esta Semana Santa

A POBRA> A Concellería de Turismo da Pobra programou unha serie de actividades de lecer para a Semana Santa. Ademais de visitas guiadas polo patrimonio e a contorna natural realizarase unha xornada de xogos populares para os máis cativos.

Xunto cos actos relixiosos organizados polas confrarías do Castelo e do Caramiñal, o concello da Pobra ofrecerá ós visistantes unha ampla oferta de lecer esta Semana Santa.

O mércores 16 terá lugar un obradoiro de marisqueo e pola tarde unha xornada de xogos populares no Cantón da Leña.

O xoves desenvolverase unha ruta guiada pola vila para dar a coñecer algúns dos elementos patrimoniais máis destacados e xa o sábado terá lugar un clásico da semana santa: a excursión guiada polo Río Pedras con parada no miradoiro da Curota. A primeira será de balde mentres que a segunda terá un custo de 15 euros por persoa que inclúen os traslados en microbus.

As actividades guiadas precisan de inscrición previa que se pode realizar contactando co departamento de Turismo ou na Casa Mariñeira. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.