Investigan un roubo con violencia nunha lavandería de Boiro

BOIRO> A Garda Civil investiga un roubo acontecido a plena luz do día nunha lavandería en Boiro. un encapuchado accedeu ó local e rompeu a máquina do cambio cun martelo. Fuxiu cos cartos da recadación.

Apenas uns minutos despois de abrir, ás nove da mañá, esta lavandería situada no centro de Boiro foi vítima deste espectacular roubo. Un home encapuchado accedeu ás instalacións cun martelo e emprendeuna a golpes coa máquina de cambio. Conseguiu arrancala da parede e fuxiu con ela. Foi unha clienta a que deu a voz de alarma ó presenciar os desperfectos no local.

Horas máis tarde a Garda Civil localizaba a máquina roubada na rampla de Ancados. Entre as pegadas extraídas e as imaxes das cámaras de vixilancia confían en identificar ó autor dos feitos.

Afortunadamente, a contía do roubado non ascende a un gran importe posto que a máquina tan só contiña algunhas moedas. Peor son os danos ocasionados e o trastorno que supón tanto para o propietario como para os usuarios non dispor da máquina de cambio.

A pesar do acontecido, Iván non ten sensación de inseguridade. Lembra que é a primeira vez que sofre un roubo e confía nas forzas da orde para unha pronta resolución.