ENCE non convence a Lores con ‘abalorios’

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra manterá a súa loita para recuperar a ría de Pontevedra. Así o asegurou esta mañá o alcalde capitalino, un día despois de que se dera a coñecer o pacto ambiental asinado entre a Xunta e Ence. Segundo Miguel Anxo Fernández Lores, a súa intención é esgotar todos os mecanismos legais para que a factoría abandone Lourizán.

 

O compromiso de ENCE de investir 193 millóns de euros en Pontevedra e en Galicia nos vindeiros catro anos, non convence ao alcalde da capital.

A intención de Miguel Anxo Fernández Lores e do seu equipo é esgotar todos os mecanismos legais para que a factoría abandone Lourizán. De feito, na sesión plenaria deste venres levarán o recurso contra a prórroga de 60 anos.

O rexedor mantén a súa aposta polo traslado de compañía, como xa sucedeu en moitos lugares de España. E advertiu de que as promesas non van mudar a súa postura.

Para Fernández Lores, que a Xunta asinara onte este convenio é unha manobra de cara as eleccións autonómicas. Unha postura que comparte o vicepresidente da Deputación, ao que ENCE proporá restaurar o Pazo de Lourizán para convertelo nun centro de investigación.

Mosquera recordou que actualmente o Pazo, aínda que é de titularidade provincial, está a ser xestionado pola Xunta de Galicia. Polo que non precisarían da autorización da Deputación para realizar os traballos recollidos no acordo con ENCE.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/29/valoracion_proposta_ence.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/29/valoracion_proposta_ence.mp4{/flowplayer}