Lores cre que só Goberno, Xunta e ENCE deberían sentar na mesa de traballo para o traslado da pasteira

PONTEVEDRA> Para o alcalde de Pontevedra non é imprescindible que o concello participe na mesa de traballo sobre o futuro de ENCE. O órgano aínda non está convocado, pero Miguel Anxo Fernández Lores asegura que só deberían sentar os tres actores que teñen competencias para tomar decisión na materia: o Estado, a Xunta e a propia empresa. Insistiu en que a postura do concello é moi clara: ENCE ten que saír da ría de Pontevedra.

Con esta contundencia valora o alcalde de Pontevedra a posible creación dunha mesa de traballo para abordar o futuro de ENCE. Fernández Lores ten moi claro os actores que si teñen que sentar.

O rexedor considera que cantos máis convidados haxa, tamén haberá máis interferencias. Iso si, se o convidan, asistirá.

E é que, insistiu, o concello non ten ningunha competencia para decidir na materia, e a súa postura contra a continuidade de ENCE en Lourizán é pública dende hai anos.

Fernández Lores reiterou que a data máxima de permanencia da pasteira na ría de Pontevedra será o ano 2033. Algo que, segundo avanzou, podería compartir a Audiencia Nacional no seu pronunciamento aínda pendente de ver a luz.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí