PONTEVEDRA> O profesorado mobilizouse hoxe en Pontevedra. A cidade acolleu unha das catro manifestacións convocadas en toda Galicia no marco da segunda xornada de folga no ensino público. Accións coas que o colectivo reclama melloras laborais e máis recursos para a educación pública.
O ensino público mobilizouse esta mañá en Pontevedra. Unhas 2.000 persoas, a maioría docentes, participaron na manifestación celebrada na segunda xornada de folga do profesorado convocada polos sindicatos CIG e STEG. Reclaman máis recursos e mellores condicións laborais.
A de Pontevedra foi unha das catro mobilizacións convocadas en toda Galicia. Partiu dende o instituto Valle Inclán. A comitiva percorreu as rúas do centro da cidade para rematar ás portas da delegación territorial da Xunta na cidade.
As protestas do profesorado en Pontevedra comezaron xa onte. Un amplo grupo de docentes protagonizou un peche reivindicativo nas instalacións do instituto Valle Inclán. Algúns mesmo pasaron a noite no centro para facer máis visibles as súas demandas.
Dende os sindicatos decidiron non dar datos do seguimento da folga ata a xornada de mañá. Pola súa banda, dende a Xunta falan dun 13,6% na primeira xornada e dun 12,9% o día de hoxe.











