ENCE construirá a súa planta de biomasa en Pontevedra este ano

PONTEVEDRA> ENCE investirá case 200 millóns de euros na comarca de Pontevedra. A factoría asinou esta tarde o seu pacto ambiental coa Xunta, que recolle compromisos de investimentos máis aló do eido do medio ambiente. Investigación, medidas sociais e o desenvolvemento da zona son outros dos destinos que terán estes fondos. Con este pacto, tamén se comprometen á construción da planta de biomasa en Pontevedra, que se iniciará este mesmo ano.

 

A nova planta de biomasa de ENCE instalarase finalmente en Pontevedra. A empresa comezará a construción este mesmo ano nos terreos da factoría en Lourizán. Polo de momento, xa se están a realizar os trámites para actualizar a súa Autorización Ambiental Integrada e o Plan Supramunicipal.

Esta planta está recollida no pacto que esta tarde asinou a empresa coa Xunta. Un documento no que se comprometen a investir 193 millóns de euros na comarca de Pontevedra e Galicia nos vindeiros catro anos.

Segundo o asinado, o compromiso non é só ambiental. Inclúe melloras paisaxísticas e na fábrica por máis de 30 millóns de euros, a construción dun campo de fútbol preto de Lourizán e 15 millóns para mellorar a depuradora de Os Praceres.

ENCE tamén quere converter o Pazo de Lourizán no seu centro de investigación con 10 millóns de euros, aínda que dependerá da autorización da Deputación de Pontevedra, titular do edificio. Ademais, nos vindeiros meses asinarán un novo convenio polo que a empresa destinará case 3 millóns de euros anuais durante os 60 anos da concesión a actuacións de carácter social, cultural e deportivo nos concellos de Marín, Pontevedra e Poio.

Segundo aseguraron dende a pasteira, estes investimentos suporán a creación dun mínimo de 80 postos de traballo directos e indirectos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/28/acordo_ambiental_ence.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/28/acordo_ambiental_ence.mp4{/flowplayer}

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí